Máis de 400 escolares participan nun proxecto dirixido a espertar vocacións matemáticas

Imaxe dun dos vídeos dos talleres 'Te lo cuenta una espía'

DUVI | “As matemáticas percíbense como unha ciencia desconectada da vida cotiá, sen aplicacións. Unha das causas deste feito é que, en gran medida, en educación primaria preséntanse unicamente como técnicas para manexar datos numéricos”. Deste xeito presenta o grupo de innovación docente MaReMa, a motivación dun proxecto no que buscan “estimular as vocacións matemáticas” dos nenos e, especialmente, as nenas do terceiro ciclo de primaria, que levan a cabo coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación. Máis de 400 alumnos e alumnas de oito centros educativos de Vigo e Pontevedra participan no presente curso en Te lo cuentan las matemáticas, unha iniciativa que, a través de talleres, encontros con investigadores e investigadoras e outra serie de recursos, como vídeos divulgativos, busca promover “unha aprendizaxe significativa e funcional” desta ciencia, como destaca a responsable do proxecto, a profesora Marta Pérez. Te lo cuentan las matemáticas presta así mesmo “especial atención ás medidas destinadas a favorecer a igualdade no ámbito da investigación en matemáticas”, dado o “importante nesgo de xénero” existente, que fai preciso promover estas vocacións desde a infancia co obxectivo de “garantir unha maior incorporación de mulleres á carreira científica matemática”.