DUVI | A Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night) celebrará o vindeiro día 27 de setembro a súa cuarta edición con máis dun cento de actividades de divulgación en rúas, parques, bares e museos de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo. Coordinada pola Universidade de Vigo, que lidera un consorcio formado polas universidades de Santiago e A Coruña; institutos de investigación do CSIC (IEGPS, IEO, MBG e INCIPIT) e outros organismos de investigación galegos (IDIS, CITMAga, SEBBM, CESGA e a RAGC), a G-Night volverá sacar a ciencia dos laboratorios e das aulas para achegala á cidadanía, desta volta, nunha vintena de localizacións.
Conciencias creativas é o lema baixo o que se celebrará o evento, asociado á Noite Europea das Persoas Investigadoras, un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa, que se desenvolve simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005. A Noite Galega das Persoas Investigadoras conta para a súa celebración con recursos propios das entidades que integran o consorcio e co apoio da Xunta de Galicia.