Mulleres “con nome propio” para botar unha ollada con perspectiva de xénero á antigüidade

Olladas á Antigüidade

DUVI | O luns 19 de outubro celebrarase a terceira edición das Xornadas: Olladas á Antigüidade, organizadas cada curso académico pola profesora e decana da Facultade de Historia do campus de Ourense Susana Reboreda. Nesta edición, a cita leva por título Mulleres con nome propio co obxectivo de pór o foco en personaxes femininos destacados do pasado e por primeira vez, atendendo á situación sanitaria provocada pola covid-19, desenvolverase de xeito virtual, non presencial.

A xornada, que conta con financiamento da Unidade de Igualdade de Universidade de Vigo, muda cada ano de temática aínda que sempre centrada na muller na antigüidade. A elección desta temática, indica Susana Reboreda, xorde por ser un eido no que a coordinadora da iniciativa traballa e que considera “moi importante abordar”, tendo en conta que “estes temas non están incluídos nos temarios das guías docentes das materias e esta é unha forma de contrarrestar esta eiva”.