O Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics acadará a súa 9ª edición coa participación de medio cento de especialistas internacionais

O catedrático Xavier Labandeira nunha das sesións do workshop

DUVI | Logo de ser cancelado por mor da pandemia no ano 2020, a 9ª edición do Atlantic Workshop on Energy and Environmental Economics (AWEEE) celebrarase os días 23 e 24 de xuño no seu habitual emprazamento da illa da Toxa, onde se dará cita unha cincuentena de expertos internacionais, fundamentalmente procedentes de países da Unión Europea e tamén de Estados Unidos. “Presentámonos cun programa e obxectivos moi similares aos previstos en 2020: coñecer e discutir a investigación económica na fronteira nestes ámbitos”, explica o catedrático do Departamento de Economía Aplicada da UVigo e membro do comité organizador do workshop, Xavier Labandeira, que destaca, respecto de anteriores edicións, unha maior presenza de investigadores novos, fundamentalmente europeos e americanos. “Cremos que isto é algo moi positivo, porque reforza o noso obxectivo: difundir e debater sobre as técnicas e resultados da investigación neste campo de tanto interese socio-económico”, sinala o catedrático vigués, que tamén pon de relevo a celebración nesta 9º edición dunha mesa redonda sobre o desenvolvemento das futuras políticas climáticas, coa participación de decisores políticos europeos e de EEUU.