O CIM convoca a III edición do concurso Marie Tharp dirixido a visibilizar o traballo das mulleres na ciencia mariña

DUVI | A Comisión de Igualdade e Sostibilidade do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) acaba de lanzar a terceira edición do concurso Marie Tharp, dirixido a mulleres investigadoras vinculadas ao centro. O certame consta de dúas categorías: predoutoramento e posdoutoramento junior, e está dotado cun premio de 1000 euros por cada unha delas. “A nosa misión é apoiar e motivar ás investigadoras mozas para que continúen o seu camiño e consoliden a súa posición, eliminando as barreiras de xénero na ciencia, de aí a necesidade de seguir impulsando este tipo de iniciativas”, explica a presidenta da comisión, a profesora Ana Bernabeu, ao tempo que anima ás mozas investigadoras do CIM a manter a súa paixón e a participar nunha iniciativa que “dará visibilidade ao seu traballo e á súa visión do mesmo, ofrecendo un plus a toda a investigación mariña que se está a realizar “.