DUVI | Baixo o nome ImpactArte, a investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) Ángela Fontán Bouzas acaba de pór en marcha unha innovadora iniciativa coa que aborda, desde unha perspectiva artística e histórica, os efectos do cambio climático nas costas da península ibérica. Con financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades-, FECYT, o proxecto busca establecer un espazo colaborativo entre persoal científico mariño, historiadores e historiadoras da arte e profesionais da ilustración para identificar e divulgar como as obras artísticas reflectiron ao longo do tempo os impactos climáticos costeiros.