O concurso Eme Pakuxa 2022 premiará as e os mellores improvisadores orais

Concurso Eme Pakuxa 2022

DUVI |  A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME) da UVigo, xunto coa súa Delegación de Alumnado, mantén aberto o prazo para participar na terceira edición do concurso Eme_Pakuxa 2022, un certame no que as e os concursantes terán que improvisar un discurso que acompañará a 16 diapositivas “sorpresa” que aparecerán cada 20 segundos na pantalla. A competición insírese nun formato de orixe xaponesa chamado Pecha Kucha (que, en xaponés, fai referencia a unha onomatopea que representa o son dunha “charla casual”), no que as persoas participantes teñen que empregar o seu enxeño para adaptar a súa disertación a unha serie de imaxes que se van descubrindo a medida que se desenvolve a presentación. O obxectivo deste sistema é que os poñentes sexan capaces de artellar unha exposición orixinal, concisa, entretida e coherente sen depender dun discurso pechado que non deixe lugar á adaptación do mesmo ás circunstancias do momento.