O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

DUVI | Máis de 220 estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP de 25 centros educativos de Galicia participaron esta fin de semana na segunda edición do festival científico CinVigo. Ciencia na rúa cun total 58 proxectos, deixando claro que hai canteira para a ciencia galega. Desde unha investigación sobre os montes de Beade ata o deseño dunha neveira eficiente para o transporte de órganos, pasando por un estudo sobre a presenza de microorganismos en diferentes medios da contorna escolar. Temáticas variadas e múltiples enfoques, pero todos eles cun ingrediente común: a ilusión das que serán as futuras e futuros investigadores.