O investigador de atlanTTic Pablo Fondo desenvolve na súa tese un mecanismo que permite reducir a latencia das comunicacións

DUVI | Moi alta fiabilidade e baixa latencia. Estas son dúas características esenciais que deben cumprir as redes de comunicación móbiles de nova xeración, pero isto non sempre é posible coas arquitecturas estáticas das redes 4G, que a miúdo son incapaces de soportar estas comunicacións dun xeito eficiente. Neste contexto cobran especial relevancia os resultados acadados polo investigador do Grupo de Tecnoloxías da Información, GTI, do centro de investigación atlanTTic da Universidade de Vigo, Pablo Fondo, na súa tese de doutoramento, unha investigación na que fai uso da denominada computación no bordo da rede (Multi-Access Edge Computing, MEC) para desenvolver un mecanismo capaz de reducir a latencia das comunicacións nas redes 5G, sendo, ademais, compatible coas redes 4G existentes, o que facilita a súa integración e permite tamén facer uso “desde xa” desta tecnoloxía.