DUVI | Dende que se puxo en marcha en 2015, o Programa de Retención de Talento da Universidade de Vigo permitiu fixar na institución preto de 40 investigadores e investigadoras que, doutro xeito, teríanse visto obrigados a continuar a súa carreira científica noutra institución. A convocatoria de 2022 permitirá reter na UVigo a catro novos científicos e científicas de diversas áreas do coñecemento que van dende a ecoloxía mariña ou a criopreservación ata os bioprodutos de interese industrial ou as aplicacións biolóxicas e biomédicas de nanomateriais. As e os seleccionados nesta edición son Juan Galindo e Estefanía Paredes, do Centro de Investigacións Mariñas, CIM-UVigo, e Sandra Rivas e Gustavo Bodelón, do Cinbio.