DUVI | Tras cinco meses de traballo, este mércores chegou a hora de presentar os resultados dos experimentos realizados ao abeiro do proxecto A Caixa Sostible. Esta iniciativa, impulsada por un grupo de once docentes da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, xurdiu como unha proposta divulgativa para traballar co alumnado dos institutos a través dunha serie de caixas nas que se incluía información e material para realizar cinco experimentos relacionados coa sostibilidade. O obxectivo era dobre: por unha banda, fomentar as vocacións científico-técnicas no ámbito educativo preuniversitario e, por outra, poñer o foco na conciencia ecolóxica. A proposta foi todo un éxito, coa implicación de 40 institutos de toda Galicia e a participación de 830 estudantes e 80 docentes.