O proxecto arqueolóxico de Armea continúa con tarefas de restauración e laboratorio

DUVI | Este verán o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo volveu un ano máis escavar na ‘cibdá’ romana de Armea, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz). O equipo retoma agora o proxecto levando a cabo tarefas de restauración do xacemento e de investigación en laboratorio do material atopado nos traballos de campo.

A iniciativa é froito dun convenio de colaboración existente entre a institución académica e o Concello de Allariz e conta co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. O director do proxecto arqueolóxico é Adolfo Fernández e a directora de campo Alba Rodríguez, completando o equipo outros membros do GEAAT. Este proxecto é un dos que ten unha máis ampla traxectoria na arqueoloxía galega. Así, o grupo da UVigo leva desde o ano 2011 estudando este enclave, que destaca polo seu grao de conservación e o feito de estar nunha contorna rural, cunha campaña arqueolóxica cada verán. É ademais, un referente para o alumnado peninsular que cada ano busca realizar prácticas no eido arqueolóxico.