DUVI | O corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) é unha ave mariña que vive nos tramos rochosos da costa. Nos últimos anos viuse especialmente ameazada e a súa poboación experimentou unha importante regresión en toda España. Entre as principais causas deste descenso poboacional está a sobrepesca das súas especies presa, a contaminación por hidrocarburos e os accidentes que se producen nas artes de pesca. Aínda e todo, esta especie ten en Galicia a poboación más importante de toda a península ibérica, polo que os investigadores Grupo de Ecoloxía Animal (GEA) da Universidade de Vigo levan anos estudando a súa evolución e buscando solucións que protexan a súa supervivencia. Entre as conclusións dos seus estudos detectaron que unha das ameazas máis importantes é mortalidade accidental que se produce nas artes de pesca de enmalle, especialmente nos populares “trasmallos”. Na procura dunha solución o grupo de investigación vigués, coa colaboración do Departamento de Bioloxía de Organismos e Sistemas da Universidade de Oviedo, acaba de conseguir financiamento da Fundación Biodiversidad, dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, para poñer en marcha o proxecto Encorat. Dirixido polo investigador do GEA José Carlos Noguera, conta cun orzamento de preto de 83.000 € cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo y de Pesca (FEMP 2020). Xunto con Noguera, forman parte deste proxecto os profesores Alberto Velando e Sin-Yeon Kim, do Grupo de Ecoloxía Animal do Centro de Investigación Mariña (CIM) e o técnico Álvaro e David Álvarez, da Universidade de Oviedo.