DUVI | Un cento de persoas morreron mentres traballaban nas estradas españolas en cinco anos (2015-2019), dos que a metade eran operarios de conservación e mantemento das mesmas. Estes falecementos súmanse ás mortes nas estradas, moitas delas derivadas do mal estado destas infraestruturas. É por isto que no marco da convocatoria H2020 a Comisión Europea puxo un marcha unha liña que pretende abordar os problemas das estradas e, concretamente, dos tramos en obras asociados a estas. Entre os proxectos aprobados neste programa está Infra-Rob, unha iniciativa internacional liderada pola Universidade de Vigo que ten como finalidade empregar solucións robotizadas autónomas para o mantemento da integridade, o rendemento e a seguridade das infraestruturas viarias.