O Proxecto PRE-Media creará unha contorna virtual dos dous enclaves con pintura rupestre da comarca de Monterrei

Ilustración elaborada no marco do proxecto para a contorna virtual

DUVI | Baixo o nome de Proxecto PRE-Media, un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo está a traballar na creación dunha contorna virtual para a interpretación patrimonial dos dous sitios con pintura rupestre esquemática da comarca ourensá de Monterrei, integrando ademais o estudo etnográfico dun deles. O seu obxectivo é potenciar o coñecemento dos recursos patrimoniais do val do Támega e contribuír á súa valoración e conservación, constituíndo unha primeira experiencia na realización de visitas virtuais a dúas das manifestacións de pintura rupestre coñecidas na provincia de Ourense.