DUVI | Investigadores, universidades e institucións de toda Europa reuníronse esta pasada fin de semana na cidade italiana de Padua para analizar como as rutas de peregrinación europeas poden axudar na recuperación do turismo post-covid. Esta cita constitúe a terceira xuntanza xeral do proxecto rurAllure, unha iniciativa liderada pola Universidade de Vigo que conta con 3 millóns de euros de orzamento no marco do programa Horizonte 2020 para divulgar e poñer en valor o patrimonio rural que rodea as grandes vías e itinerarios de peregrinación de Europa.
Na reunión participaron os quince socios do proxecto, que inclúe grupos de investigación de universidades, empresas, institucións públicas e museos, de seis países (España, Italia, Portugal, Noruega, Hungría e Eslovaquia). O obxectivo común é poñer en valor o patrimonio rural situado preto de itinerarios culturais e rutas de peregrinación. E é que, como explican os investigadores, a pesar da cantidade e diversidade de xente que realiza peregrinacións, o impacto desta actividade queda exclusivamente limitado aos lugares por onde discorren os camiños, polo que moitas veces as contornas rurais que rodean estas vías fican á marxe deste impulso turístico. É por iso que os socios do proxecto rurAllure se marcaron como obxectivo divulgar e dar a coñecer o patrimonio cultural que rodea ás grandes rutas de peregrinación de Europa, ampliando as experiencias dos peregrinos que discorren por elas e achegándolles a oferta cultural das áreas rurais próximas, a través de ferramentas tecnolóxicas e estratexias de innovación.