O sector pesqueiro galego xa percibe os efectos do cambio climático, que ameaza o funcionamento dos sistemas mariños

DUVI | O proxecto Clock: Adaptación á redistribución dos stocks pesqueiros chega ao seu fin logo de seis anos de actividade, nos que o grupo de investigación Future Oceans Lab do CIM da UVigo, que dirixe Elena Ojea, afondou no coñecemento científico sobre a adaptación da pesca aos impactos do cambio climático desde unha perspectiva socio-ecolóxica. “O balance é moi positivo, xa que Clock, ademais de que nos permitiu fundar o noso propio grupo de investigación, Future Oceans Lab, tamén fixo posible que desenvolvésemos casos de estudo en profundidade, como a adaptación do sector pesqueiro artesanal en Galicia e en Nayarit (México), ou do sector de túnidos tropicais do País Vasco”, explica Elena Ojea.