O Seminario Internacional de Pensamento Contemporáneo avoga por situar o Antropoceno no centro da axenda política e social

DUVI | Hai xa máis de 20 anos que se puxo sobre a mesa a existencia dunha nova era xeolóxica denominada Antropoceno, un novo período no que, por primeira vez na historia da humanidade, as persoas se converten en factor determinante na xeración de cambios e transformacións biofísicas irreversibles para o futuro do planeta, moitas delas catastróficas. Sobre todas estas cuestións estase a dialogar e reflexionar ao longo deste xoves e venres  na II edición do Seminario Internacional de Pensamento Contemporáneo, un encontro que nesta ocasión se celebra no edificio Redeiras aberto ao público en xeral baixo o lema Pensar o Antropoceno. Participan os máis destacados especialistas, pensadores e pensadoras que traballan desde hai anos sobre temas de pensamento contemporáneo en universidades de Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, México e España.