DUVI | Este venres o campus de Ourense celebrou a entrega de galardóns do VI Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Nesta ocasión, entre os 130 traballos visuais e literarios recibidos, a organización premiou a 12 estudantes de Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria procedentes de seis centros educativos da provincia de Ourense.
Este certame organízase cada ano co gallo da celebración o día 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e é froito do traballo conxunto da Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, que cada ano unen forzas para organizar diferentes accións destinadas a potenciar e visibilizar a presenza da muller na I+D+i baixo o paraugas da iniciativa eXXperimenta en Feminino. Ademais, conta co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo.