Os traballos de cinco egresadas poñen de relevo como a investigación pode combater a desigualdade

DUVI | Da importancia de facer das escolas espazos que permitan rachar cos estereotipos de xénero, á urxencia de facer visible ás contribucións das mulleres en múltiples áreas de coñecemento, pasando pola análise da representación que teñen as políticas nas corporacións municipais. Desde diferentes ámbitos, os traballos de fin de grao e mestrado de cinco egresadas da Universidade de Vigo, Nuria Ferreiro, Carla Souto, Marta Caldas, Tania Souto e Andrea Pérez, buscaron dar visibilidade e respostas a diferentes situacións de desigualdade, o que motivou que fosen recoñecidos na sexta edición dos Premios Sofía Novoa, promovidos pola Deputación de Pontevedra. A sede da institución provincial en Vigo acolleu na tarde deste martes o acto de entrega destes galardóns, dirixidos a pór en valor a inclusión da perspectiva de xénero nos TFG e TFM do alumnado dos campus de Vigo e Pontevedra.