Políticas e xornalistas, as mulleres máis insultadas en Twitter

Twitter

DUVI | “Twitter revélase como un territorio hostil para as mulleres, con especial incidencia naqueles ámbitos de maior proxección pública, como a política e a comunicación, que cumpren unha función esencial nas sociedades democráticas”. Esta é unha das principais conclusións do proxecto Mulleres pontevedresas na rede. Análise do sexismo, misoxinia e discurso do odio en Twitter, que o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán e a investigadora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro levaron a cabo no marco da Cátedra Feminismos 4.0 Depo-UVigo. O estudo, seleccionado na convocatoria de investigación da cátedra que promoven a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, baseouse na análise das publicacións realizadas ao longo dun ano por 50 mulleres de “recoñecido prestixio na esfera pública”, 22 delas vinculadas á provincia de Pontevedra, así como das interaccións cos seus perfís dos usuarios e usuarias desta rede social. En total, Rolán e Piñeiro analizaron máis de 550.000 chíos, entre os que detectaron 62.560 que contiñan insultos e comentarios ofensivos, a meirande parte, o 96%, dirixidos a políticas e xornalistas.