DUVI | Un total de 455 estudantes de primaria, secundaria e formación profesional presentarán os días 3 e 4 de maio na Escola de Enxeñaría Forestal os resultados finais das investigacións que desenvolveron ao longo deste curso, diante duns comités científicos integrados por investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo e do CSIC. Farano no evento final da décima primeira edición de Pontenciencia, un programa dirixido a iniciar ao alumnado no método científico e achegar á cidadanía unha visión dinámica e atractiva da ciencia, que o Concello de Pontevedra promove co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnoloxía (FECYT) – Ministerio de Ciencia e Innovación e o apoio da UVigo e outra serie de entidades e empresas. Ao longo destas dúas xornadas, este centro do campus pontevedrés acollerá a presentación dun total de 29 investigacións, realizadas por estudantes e familias, así como 27 talleres e actividades, 17 deles impartidos por investigadores ou estudantes da UVigo.