Preto de 500 escolares defenden os seus proxectos científicos na EE Forestal

Nenos e nenas defenderon os seus proxectos diante do comité científico

DUVI |  Pódese crear un horto sen auga? É Pontevedra unha cidade coidadora? O poliéster é mellor illante térmico que o algodón? Estas son algunhas das preguntas ás que estudantes de dez colexios pontevedreses trataron de dar resposta cos proxectos científicos que nos últimos meses desenvolveron nos seus centros no marco da novena edición de Pontenciencia, un proxecto impulsado polo Concello de Pontevedra, coa colaboración da Universidade de Vigo, e financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), do Ministerio de Ciencia e Innovación. Tras o desenvolvemento dos proxectos nos centros, este venres chegaba o momento de dalos a coñecer na Escola de Enxeñaría Forestal, no evento final deste proxecto, a Feira da Miniciencia. Coa participación de preto de 500 estudantes de 5º e 6º de primaria, este evento abríase coa presentación por parte dos nenos e nenas dos resultados dos seus proxectos diante dun comité integrado por preto de 25 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, o Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e o Instituto Español de Oceanografía (IEO).