Profesionais da publicidade e o márketing recoñecen o valor de ChatGPT nas primeiras fases dos procesos creativos

DUVI | O 42% das e dos profesionais da publicidade e o márketing de Galicia consideran que ferramentas de intelixencia artificial xerativa como ChatGPT van cambiar completamente a súa profesión, mentres que un 39% opinan que suporán “unha lixeira axuda” no seu labor e un 9% que non contribúen en nada a esta. Este son algúns dos principais resultados dun estudo sobre a implantación deste tipo de tecnoloxías no sector realizado polos investigadores da Facultade de Comunicación Xabier Martínez Rolán e Juan Manuel Corbacho, xunto coa investigadora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro. A través dun cuestionario realizado a preto dun centenar de profesionais, os investigadores puideron coñecer tamén que o 28% usa diariamente ferramentas como ChatGPT, da que valoran a súa utilidade “nas primeiras fases dos procesos creativos”, como apunta Martínez Rolán.