Redeiras acollerá unha nova formación sobre divulgación para o persoal investigador

DUVI | Coñecer a importancia da divulgación e as principais ferramentas para comunicar ciencia de xeito accesible serán os dous eixes principais do obradoiro Comunica a túa ciencia, unha actividade destinada ao persoal investigador que terá lugar os vindeiros luns e martes, 21 e 22 de outubro, no edificio Redeiras, de 16.00 a 21.00 horas.

O obxectivo é que o persoal investigador da UVigo adquira ferramentas que poida empregar no seu día a día para transmitir  á sociedade os seus coñecementos científicos de maneira accesible, inspiradora e entretida. Unha formación práctica e dinámica na que, ademais de especialistas, tamén participarán investigadoras e investigadores da UVigo con ampla experiencia en divulgación científica e proxectos recoñecidos neste ámbito.

A participación é aberta e gratuíta ao PDI da UVigo ata completar as 40 prazas dispoñibles, e o prazo para inscribirse manterase aberto ata o venres.