DUVI | Reverter, nun contexto marcado polo despoboamento do rural, a falta de interese da cidadanía polos bosques a través dun conxunto de accións que permitan dar a coñecer o seu valor económico e ambiental é o obxectivo principal do proxecto europeo MeetYourForest, no que toman parte, baixo a coordinación do Concello de Salceda de Caselas, socios de catro países, entre os que se atopa a Escola de Enxeñaría Forestal. Como paso previo ao desenvolvemento de diferentes accións divulgativas, un dos obxectivos deste proxecto Erasmus+ era o de identificar boas prácticas e exemplos de usos innovadores e sostibles dos bosques, que se compilarán nun manual sobre xestión forestal. A posta en común das iniciativas compiladas en Galicia, Noruega, Finlandia e Portugal constitúe un dos eixos centrais da reunión de traballo que o proxecto desenvolve nestes días na Escola Superior para a Agricultura e o Desenvolvemento Rural (HLB) da localidade norueguesa de Bryne.