DUVI | O desenvolvemento de ferramentas para o acompañamento a distancia das persoas maiores e para a súa estimulación cognitiva, de sensores para a monitorización dos seus movementos e rutinas e de instrumentos de asistencia domiciliaria. Estas son algunhas das áreas de innovación que poden facer das novas tecnoloxías unha ferramenta fundamental no futuro do sector dos coidados, segundo recolle o informe final dun proxecto desenvolvido pola Universidade de Vigo no marco da Rede Eusumo, da Xunta de Galicia. Dirixido a coñecer que uso fan dos dispositivos tecnolóxicos tanto as persoas maiores como os centros de día e residencias, así como a identificar boas prácticas e oportunidades de emprendemento, os resultados deste estudo presentáronse este venres na sede da Vicerreitoría do campus, no marco da xornada As novas tecnoloxías como impulsoras do emprendemento no sector da economía dos coidados e da economía social.