DUVI | “O 23 de agosto de 1989, aproximadamente dous millóns de persoas uniron as súas mans nunha cadea humana que se estendeu preto de 675 quilómetros ao longo dos tres estados bálticos, Estonia, Lituania e Letonia, que aínda estaban baixo a ocupación soviética”. Deste xeito presentan os responsables do proxecto Baltic Chain (Bacha) a mobilización pacífica que centra e dá nome a esta iniciativa seleccionada na convocatoria comunitaria European Remembrance. A través tanto de actividades divulgativas como do estudo desta mobilización, o proxecto busca afondar na “contribución que supuxo de cara á integración europea” a Cadea Báltica, un acontecemento que “marcou dalgunha forma o principio da fin do réxime soviético”, como sinala o profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela, único representante dunha universidade española neste proxecto europeo.