DUVI | O cambio climático é un problema global que require dun conxunto de accións por parte de múltiples axentes e organismos. Non obstante, o feito de que a loita contra os seus efectos estea ligada a grandes acordos internacionais fai tamén que actores como as administracións locais vexan diluído o papel que poden xogar fronte a esta problemática. Ante este escenario, un proxecto de investigación coordinado polo Post-Growth Innovation Lab e financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación busca axudar aos gobernos municipais a determinar a súa cota de responsabilidade ante o cambio climático. Coordinado polo investigador David Soto, xunto co director deste grupo, Mario Pansera, o proxecto Arca levará a trasladarlle aos municipios cal sería a súa cota de “responsabilidade climática”.