Un proxecto europeo estudará en seis países como fomentar a práctica deportiva entre as persoas maiores

Imaxe das xornadas interxeneracionais desenvolvidas en Sanxenxo antes da pandemia

DUVI | O proxecto europeo In Common Sports, do que forma parte o grupo de investigación HealthyFit, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, ten como obxectivo tanto desenvolver programas de actividade física e torneos deportivos para maiores de 65 anos, como analizar os efectos que estes teñen na súa calidade de vida e a influencia que ten a competición como factor de motivación. Coordinado pola Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, este proxecto levou nos últimos anos á organización de ‘olimpíadas’ de deporte sénior en diferentes países, unha iniciativa que, unha vez a situación sanitaria o permita, terá continuidade ata 2023 ao abeiro de In Common Sports: Fit, Food and Fun for Elderly, un proxecto seleccionado na última convocatoria do programa Erasmus + Sports. Cun financiamento de máis de 350.000 euros e coordinado tamén por Vila Nova de Cerveira, trátase ademais do único proxecto con participación da Universidade de Vigo seleccionado na última convocatoria deste programa comunitario.