DUVI | Os océanos cobren o 70% da superficie terrestre e o seu papel como subministradores de recursos e mantemento do benestar da sociedade é incuestionable. Non obstante, o cambio climático está a provocar unha subida da temperatura superficial da auga, un aumento do desxeo e fenómenos extremos cada vez máis intensos e frecuentes, o que se traducirá en enormes custos para a economía mundial e na mingua da capacidade dos países de producir alimentos. Neste contexto, as achegas da investigación mariña ao coñecemento do cambio climático e os seus efectos son clave na implementación de medidas de adaptación e estratexias encamiñadas a reducir a vulnerabidade e acadar un desenvolvemento sostible.
Ante este desafío, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo en colaboración con atlanTTic e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra poñen en marcha Misión Azul, un proxecto de alfabetización científica mariña e de formación do profesorado. “Trátase de dar a coñecer a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos e por extensión a toda a sociedade. Un obxectivo particular é promover as vocacións STEM espertando a preocupación por explorar, descubrir, explicar, contrastar e resolver, proporcionando tamén unha serie de ferramentas didácticas que acompañen a quen se encarga da súa educación”, salienta Daniel Rey, director do CIM-UVigo.