Unha guía para fomentar que o alumnado de secundaria coñeza referentes femininos da Universidade de Vigo

Guía didáctica Quero ser investigadora

A Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo presentou hai dous meses a publicación «Quero ser investigadora». Son dez pequenas historias, ao xeito dun conto, a través das que se difunde a experiencia e vivencias de dez científicas que apostaron por facer o que lles gusta e por colaborar no avance da sociedade traballando desde a Universidade de Vigo. O obxectivo fundamental deste proxecto é valorar e visibilizar mulleres científicas contemporáneas, pioneiras en moitos casos, e espertar a vocación investigadora entre as e os máis cativos, con figuras femininas da súa contorna como referencia.

Agora, co fin de favorecer o traballo con esta publicación, achegamos unha proposta de actividades coa que pretendemos axudar o profesorado á hora de usar nas súas clases estes cadernos. Trátase dunha especie de guía didáctica con cinco actividades básicas dirixidas, primordialmente, a rapazas e rapaces de ensino secundario, de tal forma que os textos poidan ser atractivos e entendibles para as persoas que os están a ler. Pero tamén é posible achegarlles estas historias a públicos máis cativos, sempre e cando o profesorado que o faga intente achegar o contido cunha linguaxe e exemplos sinxelos á capacidade comprensiva das nenas e nenos cos que se quere traballar.

O que se persegue é que as rapazas e rapaces coñezan a estas persoas e, para iso, queremos facilitar tanto ao profesorado como ás propias familias o acceso a ferramentas que lles permitan traballar estes contidos coas nenas e nenos, incluso en confinamento, posto que tanto a publicación «Quero ser investigadora» como a guía didáctica poderán descargarse na nosa web.

Seguro que ás vosas rapazas e rapaces lles encantará pasar un bo rato descubrindo a estas investigadoras da UVigo!