DUVI | Hai libros que contan a historia de nenas libres e rebeldes, como Pipi Mediaslongas, pero tamén hai libros sobre o ideal feminino da época franquista como Flora. Hai literatura infantil clásica, como a dos irmáns Grimm, pero tamén hai historias que van máis aló do estándar europeo ou occidental. E é que os contos son historias que viaxan, que están presentes en todas as culturas e épocas, ben dende a oralidade, ben dende as páxinas dos libros. Esa dimensión universal é a que trata de abarcar a profesora de Belas Artes Silvia García a través da mostra Contos e Países que se pode visitar na sede viguesa da Deputación de Pontevedra ata o 15 de xuño.