Unha nova edición do catálogo “Quero ser investigadora” sae á luz coa esperanza de seguir espertando vocacións científicas

Valorar e dar visibilidade ás investigadoras da institución, ademais de tratar de espertar a vocación investigadora entre as e os máis cativos, con figuras femininas da súa contorna como referencia, son os principais obxectivos que persegue a Universidade de Vigo coa publicación do catálogo Quero Ser Investigadora 4. Este libro, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades 2023/2024 da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i).

Nesta cuarta edición, ilustrada por Laura Antelo Gómez, vólvese difundir a historia de dez novas referentes, dez mulleres, dez investigadoras, dez nenas que quixeron dedicarse ao que máis lles gusta: achegar novos coñecementos sobre a súa área de traballo que axuden á sociedade a avanzar cara un futuro mellor.

No preámbulo do libro, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, destaca a importancia de “ofrecerlles ás novas xeracións referentes actuais e próximos”. Tamén aborda a importancia de “apoiar a investigación feita por mulleres” nun contexto de crise social e da información.

A publicación está dirixida ao alumnado de Secundaria, tanto ESO como Bacharelato, e distribúese nos institutos.

Dez historias de mulleres loitadoras e apaixonadas pola ciencia

O catálogo ábrese coa participación da docente e investigadora do Departamento de Lingua Española Inmaculada Anaya Revuelta, que destaca a importancia de manter a ilusión e as ganas de traballar e aprender cousas para despois transformalas e facerllas chegar á sociedade.

Marta Conde Sieira, investigadora no eido da bioloxía mariña no grupo de Fisioloxía de peixes e a súa aplicación en acuicultura (FB2)-PHYStoFiSH, do Centro de Investigación Mariña (CIM), fainos pensar nas grandes científicas como Marie Curie ou Rosalind Franklin, “elas, ademais de ser boas investigadoras e achegar moito á ciencia, foron tamén unhas mulleres moi valentes que non se renderon a pesar dos obstáculos”.

A investigadora e enxeñeira de Telecomunicación do Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) do Centro de Investigación e Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) Laura Docío Fernández, fálanos neste libro da súa paixón pola tecnoloxía e o seu traballo en proxectos pioneiros no procesamento de sinais e recoñecemento de lingua de signos.

Para Herminia Domínguez González, do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), “a diversidade é riqueza”. A investigadora do departamento de Enxeñaría Química, destaca a necesidade de colaboración para afrontar os novos retos e atopar novas solucións na actualidade. “A investigación esixe traballo en grupo”, establece.
Ana Belén Fernández Souto conta neste libro que sempre foi unha apaixonada da Publicidade e a Comunicación. A investigadora do grupo de Comunicación Persuasiva (CP2) afirma que “ante as dificultades é importante apoiarse nas compañeiras e compañeiros de profesión”.

A decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias da UVigo, a catedrática María Dolores Garza Gil, establece que “o que máis lle gusta do seu traballo e contribuír a mellorar o progreso e o benestar da sociedade actual e das xeracións futuras”. A investigadora traballa no grupo de Economía dos Recursos Naturais e Ambientais (Erenea) e no Centro Interuniversitario ECOBAS.

Águeda Gutiérrez Sánchez, conta nesta publicación algunhas das dificultades coas que se atopou por dedicarse á Educación Física nun momento no que nese ámbito as mulleres eran minoritarias. A docente e investigadora do grupo de Educación, Actividade Física e Saúde (GIES10) transmítelle aos lectores a importancia da perseveranza.

No caso de Elena Martín Ortega, investigadora no grupo de Enxeñaría Química, Térmica e Ambiental (ChETE) e no Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE), lembra neste catálogo como sempre lle atraeu o proceso de ensinar e como admiraba a profesión do seu pai, que era profesor.

Para Isabel Mociño González, filóloga e investigadora especialista en literatura infantil, “termos unha sociedade lectora é termos persoas pensantes, menos manipulables”. A tamén docente na Facultade de Educación e Traballo Social pertence ao grupo de investigación de Literatura infantil e xuvenil angloxermana e a súa tradución (AI1).

O catálogo péchase con Xanel Vecino Bello, do Grupo de Enxeñaría Química 10 (EQ10) do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX). “Eu coido que a investigación é unha maneira de ver a vida. Fai que sexa unha persoa curiosa”, explica ao inicio do seu texto. O seu traballo céntrase na economía circular, a sustentabilidade e a simbiose industrial.

Unha guía didáctica con actividades para as aulas

A publicación Quero ser investigadora 4 ten tamén unha versión dixital e acompáñase dunha guía didáctica e de contidos gamificados coa ferramenta Genially, para que o profesorado poida traballar co catálogo nas aulas.

Xa podes ver todos os contidos aquí.