Unha publicación sobre alimentos do futuro para nutrir a colección ‘Esenciais’

DUVI | O interese na tecnoloxía alimentaria, a preocupación pola sostibilidade, os cambios nas preferencias alimentarias e a necesidade de educar e desmitificar son, segundo o catedrático da Universidade de Vigo na área de Nutrición e Bromatoloxía, Jesús Simal Gándara, as razóns que o levaron a escribir Alimentos do futuro, un novo volume da colección Esenciais, do Servizo de Publicacións da UVigo. “O director do servizo, Jorge Luis Bueno, animoume a escribir un libro de divulgación para a colección dalgún tema da miña especialidade en alimentos e, tendo en conta as tendencias actuais, os intereses do público obxectivo, e a relevancia do tema na sociedade, ou mesmo consideracións comerciais, fíxenlle unha proposta sobre alimentos do futuro”, proposta que o director do Servizo de Publicacións aceptou, polo seu atractivo e “porque contribuía a encher un baleiro no mercado editorial ao abordar un tema emerxente e novo”.