DUVI | Entre os mecanismos defensivos que os piñeiros empregan para protexerse de pragas e patóxenos atópase a resina, “unha potente defensa química que se produce e almacena nunhas estruturas anatómicas denominadas canles resiníferas”, explica a investigadora do CSIC Carla Vázquez, que analizou na súa tese de doutoramento os factores que modulan a produción destas canles no piñeiro marítimo (Pinus pinaster Ait). Inserida nas investigacións do grupo de Xenética e ecoloxía da resistencia de coníferas da Misión Biolóxica de Galicia, os resultados desta tese revelan notables diferencias no investimento en defensas entre as poboacións desta especie, o que podería deberse a procesos de adaptación local ás condicións climáticas. Defendida esta semana por videoconferencia, no marco das medidas impulsadas pola Universidade de Vigo trala suspensión da actividade docente presencial co obxectivo de frear a expansión do coronavirus, Vázquez González desenvolveu a súa tese no marco do Programa de Doutoramento en Ecosistemas Terrestres, Usos Sustentables e Implicacións Ambientais.