DUVI | “O deseño ten o poder de influír no comportamento das persoas e, por iso, os deseñadores deben ser conscientes do impacto da súa actividade”. Esta idea constitúe o punto de partida da tese de doutoramento de Renata Canevari, que afonda na importancia que, ao seu xuízo, debería ter a ética na formación dos futuros e futuras deseñadores. A través da revisión de leis e decretos educativos, de entrevistas a filósofos, educadores e outra serie de profesionais e da análise de preto de 2500 guías docentes de 33 universidades españolas, esta investigadora e deseñadora puido constatar que esta disciplina si está presente na formación universitaria en deseño, aínda que non como un tema central, senón “como unha práctica parcialmente establecida, que si está reflectida nos plans de estudo, aínda que non se estableceu de maneira sistemática na formación” dos deseñadores e deseñadoras. De feito, conclúe que a “práctica máis habitual” é que a súa ensinanza estea vinculada á “transmisión de códigos deontolóxicos”, o que implica “o risco”, sinala, de que a ética “se asocie unicamente ao deber e á profesión”.