Comeza a nosa terceira semana de confinamento pero o importante é non parar, seguir exercitando a mente e que o ánimo siga estando onde ten que estar: sempre arriba. Con este obxectivo, desde a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo seguimos buscando contidos interesantes relacionados coa ciencia para que os poidades consumir tranquilamente desde as vosas casas.
Nesta ocasión recuperamos o lema #cienciaUVigonacasa para presentarvos a exposición «Científicas que contan». Trátase dun conxunto de trece paneis, actualmente expostos na sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, dirixidos a dar visibilidade ao traballo da muller na ciencia. Nestes días é imposible visitala fisicamente, pero nós levámola directamente ás vosas casas grazas ás oportunidades que nos brinda o mundo dixital. Queredes saber máis?
Os inicios
«Científicas que contan» é unha exposición que naceu froito dun proxecto financiado pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo no ano 2017. Foi coordinado por Belén Rubio, por aquel entón decana da Facultade de Ciencias do Mar e na actualidade vicerreitora de Investigación, e contou coa implicación de Paz Alonso, enlace de igualdade desa mesma facultade. A idea xurdiu no equipo decanal, do que tamén formaban parte outras 3 mulleres, Ana Bernabeu, Nuria Pedrol, e Amelia Coello, co obxectivo de dar visibilidade ao traballo da muller na ciencia, unha labor que na antigüidade foi ocultada en moitas ocasións. Coa participación de estudantes de Ciencias do Mar, a mostra inaugurouse en febreiro de 2018 nese mesmo centro coa idea de seguir facendo un percorrido por todos os campus da Universidade de Vigo.
A mostra
Formada por un total de trece paneis, a exposición converteuse nunha homenaxe ás mulleres científicas que tiveron que loitar contra moitos obstáculos. Por un lado, consta de 2 paneis explicativos que reflicten a necesidade de valorizar o papel das mulleres na investigación científica. Outros dez paneis están dedicados ás verdadeiras heroínas que loitaron para poder avanzar na súa carreira:
- Celia Brañas, innovadora na ensinanza práctica das Ciencias
- Antonia Ferrín, a primeira astrónoma galega
- Jimena Fernández de la Vega, a primeira muller en licenciarse en Medicina en Santiago e pioneira da xenética en España
- Manuela Barreiro, a primeira licenciada en Galicia
- María Josefa Wonenburger, referente feminino no ámbito das matemáticas
- Olga Moreiras, que contribuíu a mellorar a alimentación e a nutrición en España
- Olimpia Valencia, primeira médica en exercer en Galicia
- Ángeles Alvariño, pioneira na oceanografía
- Aida Fernández Ríos, terceira muller en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias
- Josefa García Sánchez, investigadora da facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo
Finalmente, a mostra complétase cun panel dedicado ás investigadoras da Universidade de Vigo, co obxectivo de ofrecer referentes coetáneos ás novas xeracións de mulleres e de espertar nelas as vocacións científicas.
Se queredes visitala, desde hoxe xa podedes percorrer esta mostra de maneira virtual na nosa páxina web! Non a perdades!