UVigo SpaceLab acada co seu proxecto Caminito a fase final do certame europeo Copernicus Masters

UVigo SpaceLab

DUVI | Logo de gañar os certames rexionais organizados pola Axencia Espacial Europea (ESA), Galileo e Copernicus Masters Galicia 2021, o equipo UVigo SpaceLab foi quen de quedar finalista a nivel europeo do Copernicus Masters co seu proxecto Caminito, abreviatura de Camera Based Infraestructure Integrity Tracking From Orbit, unha proposta na que as imaxes da constelación Copernicus serían usadas para a xestión e coidado do Camiño de Santiago. “Estamos entre os tres finalistas europeos do talent de Copernicus e o 14 de decembro sairemos de dúbidas se quedamos primeiros ou non”, explica Manuel Diz, director executivo responsable de xestión de proxectos do equipo UVigo SpaceLab, que este mediodía xunto a unha representación do equipo, integrado por alumnado de varias enxeñarías da UVigo, recollía de mans da directora xeral de Zona Franca, Inés González e do reitor, Manuel Reigosa, os premios rexionais Galileo e Copernicus Masters Galicia 2021, polos proxectos Adagio e Caminito, respectivamente.