Obradoiros prácticos e charlas divulgativas para conmemorar o Día da muller e da nena na ciencia

11F na UVigo

DUVI | Aínda que o Día da muller e da nena na ciencia se celebra o día 11 de febreiro en todo o mundo, o mes que arranca mañá martes estará, en boa medida, dedicado na Universidade de Vigo a dar visibilidade ao traballo das investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as nenas e rapazas. Para conmemorar esta data, a institución programa, en colaboración coa FECYT, unha serie de actividades, tanto nos campus como en institutos, pensadas principalmente para as alumnas de secundaria. Trátase de que, por unha banda, coñezan a ciencia e a innovación que se desenvolve nos laboratorios da Universidade da man das mulleres que forman parte dos grupos de investigación e, por outra, de achegarlles referentes femininos no campo da I+D.