DUVI | UVigo botará este ano man de tres coñecidos ‘Galifluencers’ -Prado Rúa, Iago Gordillo e Esther Estévez- para celebrar o Día da Ciencia en galego, unha festividade que cada 4 de novembro lle lembra á sociedade galega que o seu idioma, como calquera outro, vale tanto para falar de letras como de números, ciencia, tecnoloxía… Con esta data como ‘escusa’, a Universidade de Vigo está a preparar diferentes actividades que se levarán a cabo ao longo de todo o mes de novembro coas que pór en valor o uso da lingua galega, tanto no ámbito científico como en calquera outro, sobre todo entre a mocidade, dados os preocupantes datos publicados recentemente polo Instituto Galego de Estatística en relación ao descenso de uso do idioma galego entre as persoas máis novas.
O catálogo de propostas para celebrar este Día da Ciencia en galego inaugurarase o vindeiro mércores no edificio Redeiras cun ciclo de charlas de “Galinfluencers” no que diferentes creadores de contido en galego, que realizan divulgación a través das redes sociais, achegarán a súa experiencia a calquera persoa que queira achegarse ata as instalacións da UVigo na cidade.
Todas as accións vencelladas á celebración do Día da Ciencia en galego forman parte do plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.