Espállanse na UVigo as actividades de celebración do 11F, o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

Etiquetas

DUVI | A Universidade de Vigo xa ten todo listo para  a celebración do 11F, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Cos programas Elas Fan CienTec, no campus de Vigo, e eXXperimenta en Feminino, no de Ourense, como pratos forte, os obradoiros, feiras científicas, charlas, premios e exposicións espallaranse por toda Galicia, pero, sobre todo, levaranse a cabo nos campus de Ourense e Vigo. Trátase de dar a coñecer a ciencia que día a día se realiza na UVigo, pondo en valor o talento e traballo das súas investigadoras, achegando referentes femininos no campo da I+D e incentivando as vocacións científicas nas novas xeracións.

O amplo programa de actividades está impulsado polas propias docentes e investigadoras, os centros de investigación, escolas e facultades, a Unidade de Igualdade e a Unidade de Cultura Científica e da Innovación, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades).